O CEIP de Belesar, defensor do Patrimonio de Galicia

Imaxe do video grabado polos escolares do CEIP de Belesar Imaxe do video grabado polos escolares do CEIP de Belesar

O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Belesar, en Baiona, participa nun concurso nacional sobre o Patrimonio de cada comunidade, é o fai como único representante da Comunidade Galega. Así pois, os escolares de Baiona cargan coa responsabilidade de dar a coñecer o noso patrimonio e defender a súa importancia.

Nas bases da convocatoria, os escolares tiñan que escoller algún dos bens declarados Patrimonio Mundial da súa respectiva comunidade ou algún aloxamento e albergue da Red de Albergues Juveniles (REAJ) e facer un vídeo.

O amplo patrimonio de Galicia, permitálles aos rapaces e rapazas escoller entre a cidade vella de Santiago de Compostela, a Torre de Hércules, a Muralla de Lugo ou o Camiño de Santiago. Ao final, os alumnos do CEIP de Belesar optaron polo Camiño de Santiago,xa que o Camiño Portugués da costa pasa precisamente por Baiona.

A partir de aí, nun vídeo ben pensado, moi traballado e magníficamente elaborado, fixeron tramos da ruta que percorre os montes de Baredo, as rúas do casco histórico de Baiona, Santa Cristina, a Calzada Real, as pontes de Sabarís e a ponte románica da Ramallosa.

Segundo sinala o propio CEIP de Belesar, no vídeo se quixo reflectir “o que é o camiño para nos é como a vida, chea de momentos que podes compartir coa xente, de momentos difíciles nos que agradecerás unha man que te axude, palabras ou frechas que te orientarán cando non saibas o rumbo, pasos que pouco a pouco te van levando cara onde ti queiras”. En resumo, cada oportunidade, afirman, “é unha oportunidade de crecer”.

A maiores, mesturado co traballo, estaba a diversión e os alumnos e alumnas gozaron do camiño e gravando o vídeo, no que vestían traxes tradicionais galegos. En canto a albergues da REAJ, graváronse os exteriores do Albergue Xuvenil Altamar de Vigo, que é o máis próximo a Baiona incluído na rede.

As votacións estarán abertas ata o día 4 de maio ás 23:59 horas e o CEIP de Belesar ocupa o segundo lugar da clasificación logo do CP Gesta 1 de Asturias. O premio é 5000 euros para organizar unha viaxe de fin de curso co alumnado a un dos lugares do Patrimonio Mundial da Unesco.

O CEIP de Belesar pide a axuda de todos, non só dos veciños de Baiona, para poder acadar o primeiro lugar. Pódese votar todos os días a través do móbil, tablet ou ordenador e “queda unha semana para que poidamos gañar aos representantes de Madrid, Oviedo e León”, explican os portavoces do colexio de Baiona.

Para poder votar e darlle eses puntos que merecen os alumnos de Belesar polo magnífico traballo realizado, se pode facer na páxina web http://reaj.com/patrimoniocolegios.html ou tamén a través da páxina da REAJ, no apartado de colexios.