Baiona preparase para a tempada estival

A praia Barbeira vista dende as murallas da Fortaleza de Monte Boi A praia Barbeira vista dende as murallas da Fortaleza de Monte Boi

O Concello de Baiona ten claro que o seu patrimonio ambiental constitúe un dos seus principais atractivos e, precisamente por iso, desenvolve continuos traballos de mantemento do mesmo. Dentro deses traballos nestas datas estase a actuar na praia Barbeira un dos 4 areais semiurbanos que rodean a fortaleza Monte Boi e que unha vez máis foi bandeira azul para este verán 2015.

O feito de conseguir,un ano máis este galardón que garante tanto a calidade das súas augas como das instalacións, impulsa ao concello “a realizar labores de mellora constantes”, aseguran fontes municipais, e así “estase a proceder a depositar area de praia dunha calidade excelente e con todas as garantías en canto ás analíticas de granulometría que farán que os usuarios da Barbeira gocen dun mellor impacto visual, así como do seu uso e goce”.

O Concello de Baiona subliña o feito de que, precisamente a praia Barbeira, é “unha das nosas praias máis recollidas, tranquilas e ambientais de todo o municipio”.

Os traballos que actualmente está a realizar a empresa TRAGSA prolongaranse durante 4 días, tempo necesario para estender os 700 m3 de area a esparexer nos 3.000 m2 de praia, dende a liña preamar ata a zona máis alta da praia. Esta actuación, explica o Concello de Baiona, “persegue o manter a excelencia destes areais e recibir os bañistas nesta época estival, que se adiantou grazas ás altas temperaturas que se están a rexistrar”.