O Plan Compost Revitaliza da Deputación chega a Baiona

Baiona acolleu esta semana a campaña Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra coa instalación dunha carpa nos barrios do Burgo e Os Tendais, onde persoal especializado ofreceu información sobre os beneficios da compostaxe e repartiu mostras para que os veciños poideran comprobar coas súas propias o aproveitamento da materia orgánica.

O Concello de Baiona xa instalou hai meses puntos de composteiros comunitarios no barrio dos Tendais, no Camiño do Carme, na parroquia de Sabarís, e no Burgo, onde os veciños poden depositar os residuos para que sexan sometidos aos procesos de compostaxe.

O proxecto pretende o aproveitamento da materia orgánica, posto que constitúe practicamente o 50% de todos os residuos urbanos, polo que o Concello e a Deputación animan aos baioneses a utilizar os composteiros xa instalados.

Segundo os datos da Concellería de Medio Ambiente, a produción dun cidadán en Baiona é de aproximadamente 400 gramos de materia orgánica diaria e considérase que o sistema empeza a ser rendible se se recolle arredor de 250 gramos. Desta forma podería aforrarse un 20 euros por habitante e ano en tratamento deses residuos, xa que de cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 15 quilos de compost.

revitaliza os tendais 01

“A Unión Europea pretende que no ano 2020 recíclese un 70% dos residuos urbanos que se xeran, e Baiona dentro do plan Revitaliza da Compostaxe aspira a este obxectivo, xa que supón vantaxes económicas e ambientais”, apunta María Iglesias, concelleira de Medio Ambiente.

O Concello destaca que coa compostaxe afórrase en fertilizantes e mellórase a calidade das terras e plantas, sen elementos químicos, fortalécense o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos.

Dende Medio Ambiente apuntan tamén que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.

“Contribuímos a reducir a contaminación ao non utilizar axentes químicos e evitar a incineración, facemos do lixo un recurso e pechamos o ciclo da materia orgánica, o que sae da terra volve á terra, reducindo tamén o consumo de combustibles para o transporte”, engade a concelleira.

As campañas municipais tamén demostran que as familias que participan na reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as cocientes de separación de envases, cartón e vidro.