A Deputación mellora a estrada Chaín-Morgadáns en Gondomar

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten xa bastante avanzadas as obras de mellora da estrada de Chaín-Morgadáns en Gondomar que supoñen un investimento de máis de 406.303 euros. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a empresa Nexia Infraestruturas, aproveitando o bo tempo das últimas xornadas, xa fixo os traballos de fresado do firme en mal estado e estendeu a primeira capa de aglomerado. Previsiblemente, nos vindeiros días desta semana poderase executar a capa superficial.

A actuación na EP-2302 consiste principalmente nunha rehabilitación estrutural do firme que presentaba importantes deficiencias co fin de mellorar a seguranza viaria da estrada. Ata o de agora fresouse boa parte da lonxitude da vía para despois aplicar a rodadura en diferentes fases, con tratamentos antiesvaradíos.

obras chain morgadans 02

Como complemento, tamén se instalarán medidas de calmado do tráfico: seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como ‘lombos’) e nova sinalización horizontal e vertical. Se o cronograma de traballos sigue como ata o de agora é previsible que se remate neste mes, o que permitirá recuperar o tempo perdido e finalizar o proxecto dentro das datas previstas inicialmente: a obra ten un prazo de execución de tres meses e a finais de febreiro foi obrigado asinar acta de inicio negativa debido ás condicións metereolóxicas.

obras chain morgadans 03

As obras desta actuación do departamento de Uxío Benítez completan un convenio entre o concello e o anterior goberno provincial que incluía a construción de pequenas beirarrúas, das que boa parte quedaron sen facer por non haber cesión de terreos. O propio Concello recoñeceu queesas beirarrúas incumprían os actuais criterios da nova Deputación para os itinerarios peonís e non eran funcionais, polo que se descartou continualas e se solicitou seguir coa mellora da estrada actuando no firme da calzada.