Proxección de «Vigo 1972» no auditorio «Lois Tobío» de Gondomar

O auditorio municipal «Lois Tobío» de Gondomar acolle, este vindeiro sábado 19 de maio ás 19 horas, a proxección do documental «Vigo 1972», unha produción que narra a folga xeral de 15 días que converteu á comarca de Vigo no centro de atención a nivel estatal e europeo, poñendo en xaque ao réxime franquista e contribuíndo, significativamente, ao desgaste e fin do mesmo.

O acto, con entrada libre e gratuíta, está organizado polo Partido Comunista de Galicia e contará coa presenza de Roi Cagiao, director do filme, e de Waldino Varela, un dos organizadores da folga de setembro do 72. Ao remate da proxección terá lugar un coloquio.