O CB Nigrán afiánzase en Gondomar co seu Campus de Baloncesto

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, clausuraron onte, 3 de agosto, o Campus de Baloncesto que todos os anos organiza o Club Baloncesto Nigrán e fixeronlle entrega, aos nenos e nenas participantes, dun diploma acreditativo da súa participación na actividade. O Campus conseguiu o dobre obxectivo con que naceu a iniciativa, compatibilizar a vida laboral e familiar no período estival e ofrecer a nenos e nenas actividades deportivas e de lecer que contribúan a súa formación tanto no eido deportivo como persoal. 

Ao longo da semana do 30 de xullo ao 3 de agosto, entre as 9:30 h a 13.30 h o pavillón municipal de Gondomar acolleu as actividades deste campus que tivo como eixo central, e non podería ser doutro xeito, o baloncesto. Neste aspecto o Campus desenvolveu sesións diarias de dúas horas, nas que a dirección técnica do club combinaba o traballo de adestramento con torneos e competicións de tiro a canastra por equipos.

De xeito paralelo, o Campus desenvolvía actividades complementarias como o Multideporte (balonmán, hockey, tenis, ping-pong, béisbol, pas, badminton, etc), xogos populares (saltar á corda, soga, pañuelito, carretilla, pés quietos, etc), idiomas (inglés e alemán), GAP (glúteos, abdominais e pernas), taekwondo e estiramentos.

Os campus do CB Nigrán basean no seu éxito na combinación, non sempre doada, das actividades deportivas con aquelas outras que contribuán a formación persoal dos nenos e nenas que participan. Así realizaronse actividades en espazos exteriores como taller de compostaxe, ─actividade realizada grazas ao concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Antonio Araúxo─, experimentos de ciencias divertida e como novidade, cociña creativa, onde cada neno e nenas levou para casa a súa torta caseira elaborada no campus. O último día realizouse unha gran gymkana con varias probas deportivas, onde as nenas e nenos demostraron as súas destrezas e habilidades .

O campus estivo dirixido por Nuria Gómez, directora deportiva do C.B. Nigrán, que coordinou a actividade de baloncesto e xunto a ela participaron ouros profesionais como mestres, técnicos ambientais, licenciados de INEF, técnicos de educación especial e monitores de tempo libre que desenvolveron as súas respectivas especialidades.

O C.B. Nigrán non dubidaba en cualificar de "rotundo éxito" o Campus recen rematado e o certo é que o foi, tanto no que fai referencia á participación coma á boa acollida que tiveron as actividades complementarias novas.

Chega agora, para o C.B. Nigrán un período de descanso, curto por certo, antes de comezar a preparar a tempada 2018/2019 que se presenta con novos obxectivos, novos adestradores e adestradoras e máis equipos na estrutura deportiva do Club.

O C.B. Nigrán, medra e o fai na boa dirección, sen présas pero sen pausa e iso, sen dúbida, é unha boa noticia para os amantes do baloncesto.