Última semana para inscribirse no Campus de Surf de Nigrán

O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, organiza dende finais de xuño a mediados de agosto seis campus deportivos orientados a nenos e adolescentes. O prazo de inscrición para participar no primeiro deles, o campus de Prado Surf (do 25 ao 29 de xuño) remata esta semana. O campus ten un prezo de 60 € e os interesados e interesadas deben anotarse na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán, de 9:00 a 14:00 horas.

Todos os campus que se desenvolven en Nigrán teñen un custo de 60 euros ─agás o do Club Baloncesto Nigrán, de 45 €─ e unha duración de catro días, existindo nalgúns a posibilidade de empregar servizo de coidador para ampliar horario e permitir mellor conciliación familiar. As inscricións comezan 15 días antes do inicio de cada campus.

Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan o día 26 de xuño con Surf a cargo de Prado Surf e a continuación, do 2 ao 6 de xullo, será o do Club de Tenis Nigrán (que se repite do 16 ao 20 de xullo). Os restantes van sucedéndose ao longo de todo o verán sen solaparse: baloncesto (Club Baloncesto Nigrán, do 9 ao 13 de xullo), fútbol sala (Panxón Nigrán F.S., do 23 ao 27 de xullo) , multideporte e animación (do 30 de xullo ao 3 de agosto), e finalmente fútbol (E.D. Val Miñor, do 6 ao 10 de agosto). O Concello aportará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.