UCN insta á Xunta a mellorar a seguridade viaria da PO-325 Vigo-Baiona

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán ( UCN), Antonio Fernández Comesaña, vén de presentar unha moción para o seu debate plenario, pola que se insta á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, para que mellore "de forma urxente" a seguridade viaria no tramo urbano que discorre polo municipio de Nigrán da vía autonómica PO-325 de Vigo-Baiona (estrada pola vía), incluíndo a posible construción de rotondas que faciliten o acceso ás urbanizacións Sau-6 (Praia América) e Sau-3 (Area Alta).

ucn urbanizacion area alta

Fernández Comesaña pide tamén o pintado de pasos de peóns en diversos puntos do trazado urbano que actualmente carece, e tamén a reparación das beirarrúas no bulevar de Praia América, "que presentan tramos con zonas de afundimento –como consecuencia dunha deficiente construción– provocando situacións de perigo, dificultades de accesibilidade e risco para os peóns".

ucn urbanizacion praia america

UCN lembra que o viario autonómico que discorre pola costa PO-325 de Vigo a Baiona ao seu paso polo municipio de Nigrán, na súa maior parte "convértese nunha vía urbana con moitas edificacións a ambos os dous lados da calzada", e presenta serias deficiencias entre outras, apunta o portavoz de UCN, "dificultades de acceso rodado ás urbanizacións que non contan con carril de xiro á esquerda en dirección Vigo, o que non só dificulta o seu acceso senón que tamén supón retencións de tráfico e perigo para a circulación, xa que son as principais vías de acceso desde a estrada autonómica; beirarrúas que en varios tramos do bulevar de Praia América presentan afundimento; así como grandes tramos que carecen de pasos de peóns, o que está a xerar situacións de auténtico perigo para os cidadáns, sen que a Xunta ata a data puxese remedio algún, polo que esperamos que a proposta conte co respaldo unánime de toda a Corporación, para que dunha vez por todas a Xunta tome en serio a solución ás demandas expostas e mellore a calidade de vida dos veciños".