'Taxi Driver' abre as proxeccións do cineclub 'Alice Guy-Blaché' de Nigrán

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este xoves ás 20:30 horas a proxección da película 'Taxi Driver', ofrecida polo cineclub Alice Guy-Blaché en colaboración co Concello de Nigrán de xeito gratuíto. Este novo cineclub de Nigrán, que colle o nome da primeira muller en ser realizadora dunha largometraxe, ofrecerá un filme cada penúltimo xoves de mes no Auditorio Municipal.

'Taxi Driver' é unha película estadounidense dramática de 1976 dirixida por Martin Scorsese e escrita por Paul Schrader. Está protagonizada por Robert De Niro e conta no reparto con actores como Jodie Foster o Harvey Keitel. O filme está ambientado no Nova Iork dos anos 70, pouco despois de que terminase a guerra de Vietnam, e céntrase na vida de Travis Bickle, un exsoldado solitario e mentalmente inestable que para evitar o lecer comeza a traballar como taxista, incorporándose á turbia vida nocturna da cidade.

Actualmente é considerada tanto unha película de culto como unha das mellores da súa época, de feito, en 1994 foi oficialmente considerada "cultural, histórica e esteticamente significativa" pola Biblioteca do Congreso de Estados Unidos e seleccionada para a súa preservación no National Filme Registry