Nigrán declina seguir colaborando coa empresa privada responsable das 'Bandeiras Azuis'

O Concello de Nigrán anunciou a súa intención de non seguir colaborando coa empresa privada ADEAC, responsable de conceder os distintivos 'Bandeira Azul'. Trátase –segudo explica o alcalde Juan González– dunha decisión moi meditada tras catro anos detectando falta de rigor e arbitrariedade en ADEAC". González insiste en que a decisión "non afectará a calidade dos servizos que se veñen ofrecendo nos areais nin a máxima protección medioambiental".

A decisión do Concello de Nigrán non sorprende moito. De feito, o concello que preside Juan González engádese a outros municipios como O Grove, Pontecaldelas, Barreiros ou Llanes en Asturias (a praia con máis bandeiras do Principado), á hora de declinar solicitar estas enseñas "porque supoñen máis constraprestacións que beneficios para as praias".

Unhas Bandeiras 'baixo sospeita'
Dende hai tempo, as 'Bandeiras Azuis' están baixo sospeita. De feito, independentemente de que as organizacións ecoloxistas non sexan precisamente 'fans' deste distintivo, hai catro anos este 'suposto galardón medioambiental' era protagonista nos medios de comunicación ao serlle concedida ao concello coruñés de Laracha unha bandeira azul para a praia de Caión, cousa que non sería de estrañar se non fora polo feito de que Caión era, naquel momento e a pesar de estar en mar aberto, unha das praias máis contaminadas de Galicia con vertedura de purines de agricultura, veteduras das vivendas da contorna e químicos da cetárea anexa.

O certo é que, dende o ano 1999 a Unión Europea desmarcouse deste organismo e deixou de financialo "por serias discrepancias cos procedementos no outorgamento das bandeiras" así como pola "falta de rigor nas súas concesións".

Que Llanes, un dos concellos asturianos con máis bandeiras azuis, decidira non solicitar este distintivos, é ben significativo. Segundo recollía o diario 'El Comercio' o pasado ano facéndose eco dunha nota de prensa do Concello, este renunciaba a solicitar as bandeiras "al considerar las decisiones de Adeac como 'arbitrarias'. Así, Llanes indicaba "no de acuerdo con la metodología que se sigue" poñendo como exemplo a concesión da Bandeira Azul a Aula del Mar, "un edificio cerrado sin actividad alguna" ou a esixencia de que o concello de Llanes actuase "sobre propiedades privadas o la exigencia de plazas para ambulancias en los aparcamientos de las playas, en vez de en el mismo acceso a la arena para facilitar la evacuación". O concello do Principado denunciaba tamén "la instalación de carteles o aparcabicicletas que ya estaban instalados".

"Simplemente é un produto comercial"
"Ningunha organización ecoloxista apoia o certificado, pese a ser supostamente o culme do respeto medioambiental, simplemente é un producto comercial co que non desexamos traballar porque xera unha presión totalmente inxustificada e carente de rigor en aspectos cos que non concidimos, como por exemplo a súa presión cada ano para que anulemos a festa patronal do Carme en Praia América baixo ameaza de perder a enseña", sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen insiste en que "isto non repercutirá en absoluto na calidade dos servizos que vimos ofrecendo e polos que seguimos apostando firmemente: praias accesibles, cardioprotexidas e medioambientalmente sostibles"

De feito, dende o Concello insisten en que, ao marxe de ADEAC e por iniciativa do goberno local, o ano pasado instaláronse por vez primeira desfibriladores portátiles nos tres postos de socorrismo de Praia América, Patos e Panxón; ou tamén o ano pasado o Concello adquiriu material adaptado para facilitar o baño ás persoas con problemas de mobilidade (5.000 € en tres andadores e tres xogos de muletas especialmente deseñados para o uso na area e unha nova cadeira anfibia que se suma á xa existente).

No ano anterior, 2017, –lembra o rexedor local– o Concello investiu 45.000 euros na construción de aseos adaptados en Praia América, Patos, Area Fofa e A Madorra, así como na instalación de ramplas de acceso para cadeiras de rodas en Praia América.

"A nosa política con respecto aos areais é clara e firme e seguiremos nesta liña pero sen a presión de ADEAC, que chega ao extremo de cuestionar a estética da nosa cartelería na praia", explica González, quen recalca a aposta do Goberno local pola máxima protección medioambiental dos areais, especialmente do sistema dunar Praia América-Panxón.