Nigrán abre maio cunha andaina polo futuro parque forestal 'Os Matos-Río Táboas'

O Concello de Nigrán abre a programación cultural do mes de Maio cunha andaina este mércores 1 polo futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (entre Camos e Chandebrito). Guiada polo educador ambiental Antón Lois, o roteiro comezará ás 18:00 horas saíndo dende o Cemiterio de Camos (rúa do Sobral) e constará dunha tradicional muiñada. Trátase dunha andaina de pouca dificultade cuxa duración non sobrepasará as dúas horas, sendo recomendable levar calzado axeitado e auga.

A programación cultural do Concello continuará o venres co concerto de A Banda da Loba ás 20:00 no Auditorio Municipal e ao día seguinte, sábado 4, con andaina e visita guiada por Chandebrito (19:00 horas dende o campo de fútbol) e posterior concerto do coro Gli Appasionati no Bosque da Memoria (21:00 horas). O domingo o Concello ofrece a actuación do monologuista Carlos Blanco no Auditorio Municipal ás 20:00, o evento servirá para recadar cartos para Baisenpulgas a través dun donativo de 5 euros por asistente.
O resto do mes o Concello ofrece o teatro infantil 'O misterioso caso de Antón Fraguas' na Praza do Concello ás 17:00 horas ou o concerto da Coral Novos Aires e Cantares do Brion o venres 17 no Auditorio Municipal ás 20:00 horas (ese mesmo día celebrarase pola mañá a XXX Festa da Bicicleta). Ademais, o domingo 12 o Concello colabora co concerto solidario Juan María no Pazo de Cea e co Rally Rías Baixas o 18 de abril.