Nigrán crea dúas novas pistas multideportivas en Panxón e no Ceán

Pista multideportiva de Panxón Pista multideportiva de Panxón

O Concello de Nigrán ven de instalar dúas novas pistas multideportivas en Panxón (contorna do pavillón) e no Ceán (rúa Reverendo José María Pérez Alonso), ambas situadas a carón dos respectivos parques infantís e cun investimento total de 27.735 € ao cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, o goberno local reforza as infraestruturas deportivas para os nenos nestas parroquias e, ao mesmo tempo, amplía a oferta dos parques infantís existentes. En ambos casos corresponde a unha demanda das entidades veciñais á que se lle dá resposta.

“Están situadas en zonas onde os nenos non tiñan á opción de xogar nun espazo público seguro ao futbol ou baloncesto, polo que consideramos que é un investimento deportivo moi necesario”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, quen destaca que se trata dun deseño realizado exclusivamente por técnicos municipais para que sexa resistente e versátil e levado a cabo pola firma lucense Sport Equipalia.

pista polideportiva cean

Pista multideportiva no Ceán

A pista conta cunha planta de formigón de 10x17 metros previamente realizada por operarios do Concello, pechada en estrutura de aceiro galvanizado por inmersión e dotada de dúas entradas tipo burladeiro, unha no centro de cada lateral. A malla está electrosoldada en aceiro. A pista multideportiva dispón de porterías con ocos de 3x2 metros pechada con rede de nylon e, ademais, conta con dous taboleiros de minibasket de metacrilato de 1.200x900 mm.