A Corporación aproba, por unanimidade, os cinco galardoados cos 'Premios Nigrán 2016'

Fundada en 1934, a señeira pirotecnia de Argimiro Arborés vai xa pola súa terceira xeración e foi elixida para recibir un dos Premios Nigrán 2016 Fundada en 1934, a señeira pirotecnia de Argimiro Arborés vai xa pola súa terceira xeración e foi elixida para recibir un dos Premios Nigrán 2016

Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, IES Val Miñor, Pirotecnia Argimiro Alborés, Nacho' Fernández e Tapería Jose foron elixidos, por unanimidade da Corporación Municipal de Nigrán, como receptores dos Premios Nigrán 2016 nas súas distintas categorías. A gala de entrega dos galardóns, na súa quinta edición, celebrarase o sábado 14 de maio ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán

Así, nesta quinta edición serán homenaxeados no ámbito cultural o Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor; no educativo o IES Val Miñor; no empresarial a Pirotecnia Argimiro Alborés; no deportivo a Ignacio Fernández e no social a Tapería Jose. A selección, feita de xeito transparente entre tódolos representantes políticos e con consenso absoluto, foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente por colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. "Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a poñer en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este galardón", reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.

Cultural: Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor
A parroquia de Parada, a través do seu Centro Cultural e Recreativo constituído en maio de 2007, destaca pola súa aposta por preservar as mellores tradicións sociais e culturais de Nigrán. A entidade celebra actos ao longo de todo o ano que contribúen a dinamización cultural e deportiva e a manter viva a relación entre os veciños e o seu entorno. A recuperación da Rondalla de Parada do Miñor é un dos seus grandes logros, así coma a celebración do Entroido (co seu popular “Enterro do Kiko”), a Semana Cultural de Verán, o Samaín, o Magosto ou a realización de infinidade de cursos formativos. A entidade, que colabora activamente coa comunidade de montes ou a comisión de festas, é un dos mellores exemplos de como dende unha parroquia se pode por en valor todo un municipio.

Educativo: IES Val Miñor
Primeiro instituto creado no Val Miñor en 1979 e, polo tanto, xérmolo de moitas xeracións de rapaces da comarca, caracterizándose dende a súa creación polo esforzo do seu profesorado para conseguir a mellor formación para o seu alumnado. Con este premio a corporación de Nigrán quere respaldar a Educación Pública e de calidade, xa que o IES Val Miñor é o mellor exemplo de elo.

Empresarial: Pirotecnia Argimiro Alborés
Fundada en 1934, a señeira pirotecnia de Nigrán vai xa pola súa terceira xeración. Naceu como pirotecnia “La Moderna” na parroquia de Parada das mans de D. Argimiro Alborés García, quen deixa o oficio de zapateiro para fabricar artesanalmente foguetes de ruído, fachadas de cor e rodas de fogo fixo. Anos despois, en 1948, se traslada a novas instalacións na mesma parroquia. En 1973 colle o testigo o seu fillo, D. Argimiro Alborés Couto, quen incorpora pequenos espectáculos de lucería. Con el remata a etapa da pirotecnia “La Moderna” e nace a actual “Pirotecnia Argimiro Alborés”. Xa en 1993 entra en escea a terceira xeración ao asumir a dirección o neto, D. Argimiro Alborés Misa, quen remodela e amplía o taller adaptándose á normativa vixente e segundo o regulamento de explosivos, incorporando ademáis un punto de venta autorizado a particulares de pirotecnia recreativa. Os seus espectáculos están presentes en todo tipo de festexos e entre as súas participacións destaca a saída da regata Cutty Sark en Vigo e a Volvo Ocean Race ou un espectáculo no Parador de Baiona ante a familia real.

Deportivo: José Ignacio Fernández Méndez
José Ignacio Fernández Méndez "Nacho" (Nigrán, 1980) é sen lugar a dúbidas o mellor deportista do municipio e o gran referente de España en Slalom, unha modalidade deportiva na que persoas con parálise cerebral ou discapacidade física realizan en cadeira de rodas un circuito cheo de obstáculos que deben esquivar ata completar o percorrido no menor tempo posible. Nacho, membro do clube Tamiar-Apamp, comezou a colleitar premios neste ámbito dende que se que se iniciou no ano 2002 ata consagrarse no 2014 e 2015 como campión de España na proba cronometrada. Ademáis, entre os seus méritos están tamén o récord de España en 2005, o récord nacional en 2007 e 2013 ou os tres ouros en equipos dende 2009 a 2013 . O seu afán de superación fan del non so un exemplo como deportista, se non tamén como persoa. Entre as súas ambicións está que se eliminen as barreiras arquitectónicas que lle permitan algún día acceder a un posto de traballo con total independencia.

Social: Tapería Jose
A Tapería Jose (Priegue) leva anos demostrando que o esforzo individual, en este caso dunha familia, pode cambiar o mundo, ou polo menos o mundo que nos rodea no día a día. No seu restaurante, a pé da praia de Prado, 60 persoas de Nigrán con dificultades poden festexar dende hai catro anos o Nadal coa máxima dignidade e con total e absoluta discrección, xa que o seu propietario rexeita calquera publicidade ou mérito ao respecto. Esa segue a ser unha das condicións para que neste día Jose e Isabel donen gratuitamente o seu traballo, a súa cociña e os seus alimentos ás persoas seleccionadas previamente polos Servizos Sociais do Concello, a quen o matrimonio traslada posteriormente unha tarxeta de invitación elaborada por eles mesmos. A súa iniciativa é apoiada por máis persoas anónimas, empresas e colectivos que donan comida ou xoguetes, xa que nenos e adultos reciben tamén o seu agasallo de Papa Noel. O único afán deste matrimonio exemplar é servir o xantar a todos aqueles que, sexa cal sexa o motivo, non poidan festexar o Nadal como os demáis veciños de Nigrán.