«Matriarcas», o martes no Mes da Memoria Histórica de Nigrán

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoranos retoman, mañá martes, a programación deste mes adicada á recuperación da memoria histórica coa proxección do documental «Matriarcas» ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Nel amósase a visión feminina do acoso na ditadura a través da testemuña de cinco mulleres, tres delas de Nigrán (Julia Barbosa, Maruxa Cabreira e Marina Iglesias) e que estarán presentes nesta estrea xunto a Montse Fajardo, autora dun libro co mesmo título e temática.

As cinco mulleres viviron experiencias moi traumáticas que serán narradas en primeira persoa neste documental de 26 minutos realizado por varias autoras noveles, dúas delas do Val Miñor, Xiana Vilar e Laura Rial. A entrada é de balde.