Nigrán reafirma o seu compromiso co «Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia»

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Nigrán sumouse ao «Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia» cun acto que se celebraba hoxe sábado, 28 de outubro, no Cemiterio Municipal de Parada e no que se honraba a memoria de José Veiro Guisande, represaliado da parroquia de Parada. A lápida de José Veiro foi traducida ao galego polo Concello do beneplácito da familia.

O acto contou coa presenza de Eulalia Veiro, filla de José Veiro, e demais familia. Este Día de Restauración da Memoria Lingüística está promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, sumándose o Concello de Nigrán por vez primeira na súa historia en 2015, cando se homenaxeou ao mestre republicano fusilado José Vázquez Grela e en 2016 ao escritor Carlos Casares (os dous enterrados no Cemiterio Municipal de Nigrán).

Juan González, alcalde de Nigrán e historiador, amosabase "especialmente orgulloso" de homenaxear e recordar a figura de José Veiro, falecido en 1995 aos 88 anos e ao que lle adica moitas páxinas do seu libro «Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939». “Era unha persoa comprometida socialmente, sufriu calamidades durante os anos que andou fuxido e logo na cadea, sen embargo, foi capaz de perdoar, retomar a súa vida e reconciliarse con moitas amizades do bando franquista, era moi querido. Por todo elo, dende o goberno de Nigrán quixemos aproveitar este acto de restauración da memoria lingüística para recuperar tamén a memoria histórica dos nosos veciños inxustamente represaliados polas súas ideas”, defende González.