Nigrán pecha o «Mes do Teatro» cun espectáculo que mestura ciencia con humor

Científicos e científicas que fan rir ao público respondendo a preguntas como Que é a epigenética?, Como se descubriu o bosón de Higgs?, ou En que se diferencia un teorema dunha conxectura? Aínda que pareza difícil, isto é posible con «Big Van», un grupo de investigadores e investigadoras en activo que contan o seu labor diario en forma de monólogo.

Estes «Científicos sobre ruedas» estarán en Nigrán este domingo, 29 de outubro, falando de matemáticas, bioquímica, física e astronomía, entre outras materias, con moito rigor e altas doses de humor. A actividade, que pon o broche de ouro ao do «Mes do teatro» en Nigrán e que terá lugar no Auditorio do Concello (Praza do Concello) ás 19:30 horas, con entrada libre ata completar aforo.

big van05

«Big Van» é unha actividade que se realiza en contornas tan dispares como teatros, museos, colexios ou mesmo bares. O importante, segundo os seus protagonistas, é contar o máis interesante da ciencia dunha forma rigorosa, pero tamén divertida, amena, sorprendente, excitante. Para esta ocasión desprazaranse ata Nigrán Alberto Vivó, Ana Payo e Oriol Marimon, tres investigadores de diversas disciplinas que exercen en Castellón, Mallorca e Barcelona.

Esta é a primeira das iniciativa de Cidade Ciencia en Nigrán, un proxecto de divulgación científica que o Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Obra Social La Caixa puxeron en marcha xunto con máis de 40 concellos de España co fin de que os seus habitantes coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. A web www.ciudadciencia.es ofrece talleres e contidos online, así como información detallada sobre as actividades programadas nesta localidade.