A Corporación de Nigrán acorda unánimemente os cinco galardoados cos Premios Nigrán 2018

A Corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Comisión de Asuntos Xerais aos cinco galardoados cos Premios Nigrán 2018, cuxa gala se celebrará o 14 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. A selección, feita de xeito transparente entre tódolos representantes políticos, foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente polos diferentes partidos, colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

A decisión adoptada pola Corporación será ratificada oficialmente no pleno de hoxe xoves. Deste xeito, nesta sétima edición serán homenaxeados no ámbito cultural a Coral Stella Maris do CRC O Torreiro de Priegue; no educativo o CEE de Panxón; no empresarial Talleres Josmar; no deportivo o Club Baloncesto Nigrán; e no social os veciños de Camos e Chandebrito. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados.

"Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento", reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.

premios nigran 2018 milanes stella

Cultural: Coral Stella Maris
A Coral Stella Maris foi fundada en 1978 como coro parroquial por Fernando Salgueiro García, sendo relevado 30 anos despois pola súa filla María Esther. Xa en 1993 tomou a renda a actual directora, María Dolores Presas, neta do fundador e quen a rebautizou co nome actual. A Coral Stella Maris domina o xénero litúrxico e combina diferentes estilos, desde o rock ata salsa ou ópera. Destaca tamén o feito de que vai acompañada de diferentes instrumentos musicais: gaitas, acordeón, teclado, grupo de cordas... Actualmente son un referente da música coral na comarca, sobresaíndo pola súa numerosa participación en eventos, intercambios ou organización de concertos-homenaxe como o realizado a Pablo Milanés este verán en Praia América e no que participou o propio cantautor cubano.

premios nigran 2018 cee panxon

Educativo: CEE Panxón
O Centro de Educación Especial de Panxón traballa con alumnado que padece trastornos graves de conduta. Foi fundado no 2008 e é un dos dous únicos centros deste tipo en toda Galicia, polo que recibe estudantes de toda a comunidade que está en réxime de internado de luns a venres. Conta con 20 prazas, todas cubertas actualmente (10 de Educación Primaria e 10 de Educación Secundaria Obrigatoria). Dende hai un cinco anos traballan exclusivamente por proxectos, sen libros de texto, con metodoloxías activas e participativas que fomentan o pensamento crítico, a creatividade, as habilidades sociais, as capacidades lingüísticas, o razoamento matemático e o método científico. O profesorado, ademáis de formarse continuamente, deseña a súa estratexia a través do Plan de Formación Permanente del Profesorado coa asesoría do Centro de Formación e Recursos de Vigo. No ano 2017 ese plan foi premiado pola súa acción para que os alumnos puxeran en marcha e xestionaran íntegramente un restaurante que abriu ao público e chegou a atender a un total de 350 comensais.

premios nigran 2018 josmar

Empresarial: Grupo Josmar
O Grupo Josmar inicia a súa andaina no ano 1976 da man de José Luis Martínez Costas como empresa adicada exclusivamente á construción e reparación de maquinaria procesadora de peixe. Actualmente ten unha actividade diversificada e vinculada sempre á pesca destacando pola súa aposta constante pola innovación e a calidade. Ubicada a súa sede na rúa San Roque de Camos, tras 40 anos de existencia constitúe unha empresa internacional con sede tamén en Argentina ou Namibia .

premios nigran 2018 cb nigran

Deportivo: Club Baloncesto Nigrán
O Club Baloncesto Nigrán naceu hai 30 anos coa intención de fomentar este deporte nun municipio que naquel momento carecía de equipo pero si contaba con moitos afeccionados que querían xogar ao basket. Dende a súa oríxe apostou polo deporte de carácter amateur sen discriminación de sexo dando sempre cabida a nenos e nenas en equipos con categorías masculinas e femininas. A súa filosofía de cooperación e boa relación con diferentes clubes se mantivo sempre presente. Tralos seus primeiros 16 anos houbo un parón ata que se retomou en 2014. Naquel momento un grupo de persoas vencelladas ao baloncesto puxo de novo en marcha o proxecto co obxectivo de que os máis pequenos acadasen non só as súas metas deportivas, se non a educación en valores, a integración con outras entidades e institucións e a participación activa no día a día de Nigrán e destacando pola súa gran implicación na organización de torneos solidarios. Actualmente conta con nove equipos dende baby ata senior e múltiples logros deportivos nas diversas categorías.

premios nigran 2018 montes

Social: veciños de Camos e Chandebrito
O Concello de Nigrán recoñece co Premio ao Mérito Social á veciñanza de Camos e Chandebrito pola súa loita na terrible vaga de lumes do 15 de outubro que se cobrou dúas vidas en Chandebrito e milleiros de hectáreas calcinadas. Os veciños non dubidaron en saír á rúa para sufocar as chamas e, sen dúbida, e ante a falla de medios de extinción externos, o seu traballo evitou que Nigrán vivise unha traxedia humana e medioambiental aínda maior. Con este premio quérese recoñecer o coraxe, espírito solidario e compromiso inquebrantable da veciñanza coa súa contorna, feito do que sentírmonos todos orgullosos e que forma parte da identidade do noso pobo.