O BNG presenta un programa electoral "para a transformación en positivo do Porriño"

O BNG do Porriño vén de presentar un programa electoral que inclúe 186 propostas específicas "para dar solución á maioría das necesidades e demandas do pobo do Porriño", asegura a formación nacionalista. O programa, apuntan, ""é produto do coñecemento que ten o BNG das necesidades do noso concello e tamén é un programa participativo, xa que recolle moitas propostas que son resultado das reunións mantidas cos diferentes colectivos veciñais e sociais. Encontros que o BNG levou a cabo nos últimos meses para a elaboración das emendas presentadas aos orzamentos municipais".

Moitas destas iniciativas, sinala o BNG "están recollidas no noso programa, porque o actual goberno non as levou adiante.”

Como novidade os nacionalistas porriñeses presentaron unha versión do programa "de lectura fácil" para persoas con dificultade de comprensión lectora, que foi supervisado pola Asociación ACEESCA. Tamén realizarán unha versión en braille.

As 186 propostas do programa do BNG, xiran en torno a sete eixos fundamentais:  1. Un concello para vivir e traballar; 2. Democracia participación e transparencia; 3. Concellos galegos e concellos en galego; 4. Concellos para o benestar e unha vida digna; 5. Concellos pola igualdade e contra o patriarcado; 6. Servizos públicos e de calidade e 7. Concellos ben xestionados

Este programa e a súa candidatura, afirma o BNG "é a garantía para acabar coa parálise dos últimos anos e seguir avanzando na transformación do Porriño". “Temos as ideas claras, temos proxecto político, temos un amplo coñecemento da realidade do Porriño e experiencia para que estas propostas sexan unha realidade”, conclúe a formación nacionalista porriñesa