O PP porriñés propón unha senda peonil e carril bici na contorna do Louro

O candidato á Alcaldía do Porriño polo Partido Popular, Alejandro Lorenzo, ven de facer público un dos proxectos incluidos no seu compromiso cos porriñeses de cara os vindeiros catro anos, o acondicionamento e construción dunha senda peonil e un carril bici ao carón do Paseo do Louro. Arroupado por varios membros da súa candidatura, Lorenzo amosou aos medios o proxecto técnico e económico finalizado que se compromete a implementar para devolver a vida a este espazo.

"Esta senda atópase actualmente impracticable", apuntou Alejandro Lorenzo, "a nula iluminación e o pésimo estado do firme impiden que os usuarios non podan disfrutar deste entorno". O comunmente coñecido como Paseo do Colesterol, foi no seu tempo un lugar moi frecuentado pola veciñanza do Porriño, ao tratarse dunha das únicas sendas próximas ao entorno natural do centro urbano.

"O actual deseño presenta serios problemas de seguridade, peóns, ciclistas e vehículos circulan polo mesmo trazado supoñendo un risco", engade Lorenzo.

Por iso, o novo itinerario saudable proxectado polos populares, situado na contorna do río Louro, dipoñerá de dúas sendas separadas: unha para peóns e outra para ciclistas, garantindo a seguridade e comodidade aos seus usuarios, que transcorrerán dende o paso subterráneo de Leandro Diz ata o A Guía, en Atios.

Cada unha delas terá unha lonxitude de aproximadamente un kilómetro e estarán debidamente separadas para que non se mezclen os tráficos. Ambas construidas con mateirais axeitados para o seu uso e prevendo as posibles crecidas do río e a humidade do terreo e dotadas de iluminación.

O proxecto elaborado polos populares habilita unha zona para aparcamento no extremo da senda a fin de facilitar o estacionamento aos veciños das diferentes parroquias que queiran facer uso deste espazo deportivo e de lecer.

"Esta é unha obra moi reclamada pola veciñanza e ao meu entender de gran importancia para todos aqueles que queremos vivir O Porriño", conclúe Lorenzo,"O que hoxe presentamos enbloba a primeira fase dun proxecto de acondicionamento global que queremos desenvolver na ribeira do Louro. Queremos que os porriñeses poidan disfrutar, dende o respecto ao medio, deste entorno natural do que dispoñemos e para iso nunha segunda fase desenvolveremos un plan específico de optimización da senda fluvial , creación de novas zonas verdes e de recreo e a ampliación deste sendeiro Budiño".