salceda 2017

MS reclama a Alcaldía e ofrece ao PSOE "unha distribución equitativa de concellerías"

Onte luns celebrábase en Salceda a segunda reunión entre Movemento Salceda e PSdeG-PSOE de cara a buscar, de cara ao sábado 15 de xuño, a constitución dun goberno de esquerdas. Logo da reunión, MS trasladaba á comisión negociadora do PSOE un comunicado no que á vista dos votos obtidos por cada formación nas pasadas eleccións –1.481 MS – 1.036 PSOE– reclama a alcaldía que estaría acompañada "por unha distribución equitativa dos concelleiros e concelleiras (3+3).

A proposta de Movemento Salceda responde a intención amosada polos socialistas, na xuntanza do 3 de xuño, de presentar a candidatura de Verónica Tourón para ocupar o posto de alcaldesa.

MS cualifica o documento presentado como "realista e rigoroso, acorde aos resultados obtidos nas eleccións do pasado 26 M" e subliña que o obxectivo claro "é o establecemento dun Goberno de coalición forte e estable baseado no principio da lealdade entre MS e PSOE". Trátase, recalca Movemento Salceda, de "formar un equipo de goberno que traballe man a man na defensa dos intereses de Salceda".

O documento sobre o que MS propón traballar, recolle unha proposta de distribución de áreas e responsabilidades, así como as liñas estratéxicas nos proxectos que deberían ser fundamentais ó longo desta lexislatura.