ponteareas

Xosé Represas e Cristina Fernández reúnense coa comunidade educativa

O alcalde de Ponteareas e candidato do BNG, Xosé Represas, manterá este mércores ás 18:30, unha reunión coa comunidade educativa, xuntanza na que estará acompañado de Cristina Fernández Davila, número 2 da candidatura nacionalista e actual concelleira de Ensino no goberno ponteareán.

A reunión cos pais e nais de alumnos e profesorado terá lugar na sede do BNG (Rúa Vázquez Fraile, esq. Rúa dos Mestres, 8) e enmárcase nos encontros que o candidato a revalidar a alcaldía está mantendo con diferentes colectivos sociais.

O BNG salienta que “nestes catro anos fixéronse políticas educativas nunca antes vistas en Ponteareas. Demos centos de axudas para material escolar, melloramos as escolas, sobre todo do rural, e creamos servizos para conciliar a vida laboral e familiar”.

Os nacionalistas citan, entre outros exemplos, o comedor do Colexio Bouza Brey, os campamentos infantís na vila e nas parroquias ou a aula matinal que atende en todas as escolas aos nenos e nenas desde as 7:30 da mañá e salientan que “Ponteareas é hoxe un exemplo de políticas de educación con actividades como a Semana das Ciencias, que deron prestixio a Ponteareas no resto do país”.