ponteareas

A Xunta 'riza o rizo' no problema da Escola de San Mateo

Unha das manifestacións nas que nais e pais, e boa parte da cidadanía, reclamaban manter aberta a escola de San Mateo Unha das manifestacións nas que nais e pais, e boa parte da cidadanía, reclamaban manter aberta a escola de San Mateo

"Pouco serio e incomprensíbel" foron os cualificativos utilizados pola concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández, para definir a postura da Xunta de Galicia que, unha vez máis "cambia os seus criterios para xustificar o peche da Unitaria de San Mateo de Oliveira" un peche ao que o concello ponteareán "opónse frontalmente". O pasado ano, a Xunta pechou o centro porque non se chegaba ao mínimo de 6 matrículas. Para o curso que ven, con 8 matrículas xa confirmadas, a administración cambia o seu criterio e mantén a decisión de peche.

Este pasado ano, pese a orde de peche, o Concello contratou un servizo educativo que se impartíu igualmente na escola, atendendo aos pais e nais que así o pediron, xa que a escolarización na etapa de 3 a 5 anos non é obrigatoria.

Para o vindeiro curso a escola dispón dunha matrícula de oito nenos e nenas, dous máis que os que esixía á Xunta. Sen embargo, agora, na súa resolución, a Xunta modifica o seu criterio e decide pechar a escola obviando ese incremento de matrícula de San Mateo e alegando que existen prazas vacantes nos Colexios Ramiro Sabell e no resto das unitarias agrupadas no CRA Picaraña.

Cristina Fernández considerou “pouco serio e incomprensíbel” a postura da administración autonómica. “Parece evidente que buscan excusas á carta. Cada vez que esixen un requisito e o cumprimos aparecen con outro novo. Está claro que hai unha vontade política, sen sustento técnico nin educativo, de pechar a escola”. A edil de ensino atribuíuno á política do Partido Popular desde a Xunta “dirixida en todos os eidos a promover o abandono do rural. En Ponteareas fixérono con outras escolas e agora coa de San Mateo, igual que o están facendo co PXOM que nos impoñen”.

Cristina Fernández reunirase nos vindeiros días cos pais e nais afectados e coa veciñanza de San Mateo para estudar as medidas a adoptar para asegurar a continuidade da escola.