ponteareas

Ponteareas adxudica as obras de mellora integral do Alto da Gloria

O goberno de Ponteareas vén de dar conta da adxudicación, por 197.821.05 (ive incluído), das obras de mellora do Alto da Gloria-Fontenla, conseguindo un aforro de 57.656,24 € respecto ao prezo de licitación. As obras de mellora,que comezarán pasadas as festas do Corpus, contemplan a implantación dunha rede de saneamento de augas residuais en tres tramos principais, o primeiro ao longo da estrada EP-4001-Guillade, un colector secundario que accede ao interior de Fontenla e outro que se estende pola estrada do alto da Gloria no cemiterio.

O proxecto complétase cunha senda na marxe oeste da estrada do cemiterio habilitando un espazo seguro para os peóns dende o camposanto ata a beirarrúa existente na EP-4001 conectando as dúas estradas que dan ao núcleo urbano Guillade-Fontenla.

Co obxectivo de conseguir espazos seguros para o peón completando itinerairos actualmente empregados pola veciñanza e intentando a súa coexistencia co tráfico rodado o goberno de Ponteareas inicia as obras de mellora deste espazo de importante afluencia veciñal no que existen diferentes elementos de alto valor patrimonial. Ademais, prosigue no aumento da rede municipal de saneamento nunha zona na que non existía. As obras tamén contemplan a recollida de augas residuais.

Actualmente a estrada do cemiterio dispón dunha superficie pavimentada duns cinco metros de largura e dúas zonas sen pavimentar en ambas marxes empregadas polos peóns e nalgúns casos a modo de aparcamento. Nesta zona tampouco existe rede de saneamento que por vez primeira chega con esta obra.

A senda peonil que irá na marxe oeste terá dous metros de ancho e un pavimento que a diferencia da zona de tránsito de vehículos. Entre a calzada e a senda dispónse unha canalización das augas que escorregan da estrada. Ao longo do cemiterio proxéctanse zonas verdes arredor das árbores existentes que permiten mantelas e mellorar o seu entorno.

Na calzada do cemiterio renovarase a capa de rodaxe na súa totalidade e realizarase unha instalación eléctrica para a mellora da iluminación neste tramo.