Nacho González súmase á candidatura de Digna Rivas

 A candidata do PSdeG-Redondela, Digna Rivas e Nacho González, no Camiño Ponteseca de Chapela A candidata do PSdeG-Redondela, Digna Rivas e Nacho González, no Camiño Ponteseca de Chapela

Nacho González, profesional do sector do automóbil de 45 anos e veciño de Chapela, vén de sumarse, como número 4, á candidatura do PSdeG-PSOE de Redondela para as vindeiras municipais do mes de maio que encabeza Digna Rivas. Ben coñecido e querido polos seus conveciños e conveciñas, Nacho González xestiona, dende hai máis de 30 anos, un taller familiar do automóbil na súa parroquia natal.

Agora, asegura que “chegou o momento de dar un paso adiante” e poñer o seu gran de area “no ilusionante proxecto de construír, xunto a Digna Rivas, unha Redondela de futuro e con futuro”.

Nacho González, que foi definido pola candidata Digna Rivas como “traballador, honesto e fondamente implicado neste proxecto político”, é tamén un apaixonado dos eventos deportivos o que lle levou, no seu tempo, a estar ligado ao club de fútbol de Chapela e a participar, dende hai anos, na Big-Bay. Nacho González é, ademais, asiduo colaborador e sempre de xeito desinteresado, de iniciativas e eventos deportivos.

“Falas coa xente, cóntanche as súas cousas, os seus problemas, as súas inquedanzas e logo, cando tes a oportunidade de participar nun proxecto que busca, sobre todo, darlle respostas, solucións e mellorar a súa vida, non podes dicir que non”, asegura González.

Digna Rivas subliñou o feito de que Nacho González aporta á candidatura, “os mesmos valores que aplica, por exemplo, cando corre unha Big-Bay: capacidade de sacrificio, esforzo, traballo e ilusión” que son, matiza Rivas, elementos comúns “a todos e todas cantos formamos este proxecto que busca poñer a Redondela no lugar que por importancia lle corresponde no contexto social, político, económico e cultural”.