“A mocidade non só é o futuro de Redondela senón tamén o seu presente”

“Sempre se di que os mozos e mozas sodes o futuro de Redondela pero eu estou convencida de que tamén sodes o presente e, como tal, debedes ter un papel activo na toma de decisións que afecten ao conxunto da cidadanía”. Esta foi unha das mensaxes que a candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Redondela, Digna Rivas, transmitiulles a un grupo de mozos e mozas cos que se reuniu este pasado mércores de cara a darlles a coñecer as propostas que, en materia de mocidade, inclúense no seu programa de goberno.

Rivas fixo especial fincapé na necesidade de que a mocidade sexa a auténtica protagonista “á hora de deseñar iniciativas e actividades que vos teñan como destinatarios e destinatarias”. Non se pode concibir, aseguroulles a candidata socialista, “que un Concello deseñe programas para a mocidade, sen contar coa mocidade”.

“Ninguén mellor que vos –subliñou Digna Rivas– para saber o que vos interesa e o que non e, para iso, ten que existir unha canle que permita a vosa participación activa e directa”.
Un Pleno Xuvenil, afirma, “non pode converterse nun espectáculo. Ten que ser algo moito máis serio e que, como acontece noutros concellos, sirva para a toma real de decisións sobre temas que afectan ao colectivo da mocidade”.

DignaRivas xuntanza mocidade 04

Digna Rivas lamentou o feito de que se asocie á mocidade “con temas de ocio e de lecer” como se non vos interesase nada máis cando o certo, transmitiulles a candidata do PSOE aos mozos e mozas, “é que tamén tendes inquedanzas culturais, sociais e formativas que, ninguén mellor que vos, para deseñar e desenvolver”

O papel “secundario e de meros espectadores” que o Goberno local dálle a xuventude queda reflectido e por poñer un exemplo, matizou Digna Rivas, no feito de que “na web oficial do Concello, no apartado de ‘Áreas’ non haxa un apartado específico da mocidade”.

Finalmente, Rivas adiantou que, no caso de acadar responsabilidades de Goberno, unha das primeiras medidas será a creación dun programa de actividades e obradoiros “específicos para á mocidade e que, para a súa elaboración e posta en marcha, a propia mocidade teña un especial protagonismo” porque, repetiu, “ninguén mellor que vos, para saber o que vos interesa”.