AER acusa ao goberno de Redondela de “destruír o graffiti máis senlleiro”

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de denunciar o que cualifica de "atentado irreparable contra o patrimonio inmaterial de Redondela" realizado polo Goberno local ao que, a formación asamblearia, acusa de "esnaquizar unha manifestación cultural popular que lembraba parte da nosa historia". AER asegura que "cos recheos na punta da praia na zona de 'Tolín', ou coas actuacións no Maceiras, Javier Bas "xa dera mostras de insensibilidade medioambiental. Agora demostra que tampouco ten respecto polo patrimonio cultural".

Tal e como explica a Agrupación de Electores de Redondela, a finais da década dos anos 70 do século pasado, Redondela sufriu posiblemente a maior agresión urbanística da súa historia recente. Eran os primeiros anos da democracia e, do mesmo xeito que a Vigo lle tocou o seu 'Scalextric' na saída da autoestrada AP-9 na céntrica rúa Lepanto da cidade olívica, a Redondela perpetráronlle a construción da 'Desviación'. A diferencia foi que en Vigo o Scalextric nunca entrou en funcionamento e foi posteriormente demolido, mentres que, en Redondela, a 'Desviación' segue operativa e continúa sendo coma unha navalla no corazón da nosa vila.

Naqueles finais dos anos 70, a veciñanza de Redondela loitou, sen éxito, contra esta obra pensada sen ningún tipo de sensibilidade urbanística: deuse prioridade ao tráfico da Nacional 550 e non se pensou en ningún momento nas persoas e a súa calidade de vida. O único vestixio que quedaba daquela loita era o mural pintado nun lateral do propio 'Scalextric' que lembraba como era Redondela antes que o “desarrollismo” fixera unha desfeita na marisma e no barrio de Santa Mariña.

grafiti redondela AER 02

Estado actual da 'Desviación' co graffiti xa borrado

A actuación de substitución do graffiti orixinal polo que se está executando é cualificada por AER como "unha barbaridade similar ao famoso caso da restauración do 'Ecce homo' feita por unha pintora afeccionada no ano 2012 no pobo de Borja (Zaragoza) ou os atentados perpetrados polos Talibanes en Petra en 2016. Ademais, dende o punto de vista formal, o goberno de Bas volve actuar sen transparencia, pondo en marcha unha iniciativa, dun lugar tan sensible e emblemático como era o mural da Desviación sen comunicarllo á oposición".

Cómpre lembrar que a finais do ano 2018, o pleno de Redondela aprobou unha moción de AER para favorecer a realización de Graffitis naqueles lugares do concello nos que se podía combater o “feísmo” con arte urbano. "O goberno de Javier Bas saíu correndo a apropiarse da idea e a dicir que xa tiña en marcha un concurso de Graffiteiros", apunta a formación independente redondelá ao que engade que "Obviamente, Javier Bas non entendeu nada. A moción aprobada establece facer graffitis onde non hai máis que cemento, en ningún caso eliminar os que xa existen e, moito menos, o que lucía orgulloso no “Scalextric” como lembranza dunha ultraxe cometida dende a administración central, gobernada daquela pola extinta UCD" e dende AER recórdanlle que, "se quere facer desaparecer vellos graffitis, que se atreva e elimine as pintadas fascistas da fachada da Igrexa de Redondela, onde se homenaxea so aos mortos do bando nacional da Guerra Civil".

AER non dubida en asegura que "nestes oito anos, Javier Bas ten demostrado sobradamente que é un Alcalde que este Municipio non se merece. Cos recheos na punta da praia na zona de “Tolín”, ou coas actuacións no Maceiras, Bas xa dera mostras de insensibilidade medioambiental. Agora demostra que tampouco ten respecto polo patrimonio cultural. A súa falta de sensibilidade en case tódolos eidos inhabilítano para seguir co bastón de mando do Concello".