O BNG facilitará a investidura de Digna Rivas

A comisión delegada pola Asemblea Local do BNG de Redondela, mantivo un encontro con membros do Partido Socialista, para exporlle a postura da organización nacionalista, ante a proposta de que Digna Rivas, sexa investida alcaldesa o vindeiro sábado 15 de xuño.

Tanto Xoán Carlos González, como Cecilia Pérez, integrantes da comisión delegada do BNG, “en todo momento expresaron a vontade da Asemblea Local de Redondela”, concretado nun apoio a investidura, mais baixo unha serie de condicionantes que consideramos asumíbeis polo PSOE”. Igualmente os negociadores nacionalistas consideran que se abre a porta a seguir mantendo encontros nas vindeiras semanas, para chegar a acordos programáticos.

As propostas trasladadas ao Partido Socialista, entregadas na xuntanza mantida na tarde do martes 11 de xuño, “recollen aspectos concretos da xestión do goberno”, recalcaron. Destacaron a capacidade negociadora de ambas partes.

Finalmente o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González afirmou que durante o encontro deixou ben claro, que “dende a nosa organización imos actuar con lealdade, mais tamén co rigor e compromiso político adquirido coa veciñanza, haxa ou non haxa acordo de goberno despois do 15 de xuño”.