Redondela prepárase para vivir, na fin de semana a II KiteFest Cesantes

A alcaldesa Digna Rivas con José Ramón Lete Lasa e o concelleiro Nacho González, na presentación do II KiteFest Cesantes A alcaldesa Digna Rivas con José Ramón Lete Lasa e o concelleiro Nacho González, na presentación do II KiteFest Cesantes

A Casa do Concello de Redondela acolleu na mañá de hoxe xoves, 4 de xullo, a presentación do II KiteFest Cesantes, un evento que comeza este próximo sábado nas augas da baía de San Simón, con preto de 80 kitesurfistas competindo e cun amplo programa de actividades gratuítas e abertas a todo o público. O acto contou coa presenza de Xusto Fernández e Tato González, presidente e vicepresidente do TMKiteClub; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela e José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Tato González foi o encargado de abrir o acto –no que tamén estaban presentes Nacho González, concelleiro do Concello de Redondela; José Luis Romero, Coordinador Institucional de Abanca en Vigo, e Luís Campos, director do Festival Sinsal– e destacou o seu agradecemento “tanto a José Ramón Lete e á Xunta de Galicia, polo seu apoio ao evento e estar hoxe connosco, e por suposto á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e todo o seu equipo pola súa implicación na organización deste evento”.

“Tamén debemos destacar o apoio co que contamos este ano por parte de todos os patrocinadores; FeelViana como principal, que nos axudou moito, e tamén todos os demais colaboradores como Rodavigo, Abanca ou o Festival Sinsal entre moitos outros”, engadía o vicepresidente do club.

Pola súa banda, José Ramón Lete quixo recalcar que “tiña especial interese en estar aquí hoxe e apoiar esta iniciativa, porque creo que é absolutamente necesaria" e destacou a idoneidade dun lugar que cualificou de "único e idílico para a práctica do Kitesurf". A primeira edición seguro que saíu ben, asegurou Lete Lasa, "e a segunda estou seguro de que vai saír mellor, con case 80 participantes de varios países. Temos as mellores condicións en Galicia para facer deste deporte como é o da vela, un deporte estratéxico para Galicia, e por iso contaredes con todo o noso apoio”.

Pola súa banda, a alcadesa de Redondela, Digna Rivas, aseguraba no peche do acto que “Redondela é idílico para a práctica do Kitesurf. Temos unha enseada que é unha xoia da que temos que estar moi orgullosos e que mellor que facer este evento que, ademais de practicar o Kitesurf, trata de atraer aos máis pequenos á práctica de deportes náuticos". Rivas deixou ben claro o desexo do Concello de Redondela que "o municipio sexa un referente no kitesurf, que xa o está sendo, e fomentalo aínda máis con todas as institucións para que o KiteFest siga crecendo”.

KiteFest06

Tras finalizar o acto, o Secretario Xeral para ou Deporte, José Ramón Lete, e o presidente do TMKiteClub, Xusto Fernández, reuníronse para a firma do acordo de patrocinio do KiteFest Cesantes.

Dous días para o comezo
Coa celebración do acto de presentación a Organización comeza xa a conta atrás para o inicio da segunda edición do KiteFest Cesantes. Por diante, restan só dúas xornadas para que o sábado, día 6 de xullo a partir das 10:00 horas, arrinque a cita coa chegada dos participantes á praia de Cesantes e a confirmación de inscricións.

En total serán preto de 80 kitesurfistas os que reunirán esta fin de semana para competir na proba de regata, programada para o sábado, e big jump o domingo. O comezo dependerá das condicións meteorolóxicas, aínda que todo apunta a que será ao redor das 14:00 horas cando o vento térmico permita que os participantes poidan botarse á auga para ofrecer todo un espectáculo na enseada de San Simón.

Ademais, o KiteFest Cesantes presenta un completo programa de lecer e actividades paralelas á regata das que poderán gozar –de maneira totalmente gratuíta– tanto os participantes como o resto do público asistente. Paddel Surf, Kaiak, bautismos de kite para nenos, taller de cometas ou clases de crossfit son só algunhas das actividades que poderá gozar todo o público asistente ao KiteFest, así como tamén da actuación dos grupos Agoraphobia, The Broke e unha sesión Sinsal Sound System grazas á colaboración co Festival Sinsal.