Sorteadas as prazas do 'Depo Aventura A Lanzada 2019' da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra efectuou esta mañá, no Pazo Provincial, o sorteo informático das prazas para o programa 'Depo Aventura A Lanzada' deste ano, que se vai desenvolver en 11 quendas distintas entre o 23 de xuño e o 7 de setembro, no Centro de Vacacións da Lanzada. Esta iniciativa permite que nenas e nenos da provincia pasen o seu tempo libre en campamentos de verán con actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.

Deputación e Colexio de Veterinaria impulsan a identificación de 400 exemplares de gando equino

A Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Veterinaria veñen de acordar a identificación de ata 400 exemplares de gando equino que viven en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes da provincia, dando así resposta á inquedanza das comunidades de montes e ante a inacción da Xunta de Galicia. En total, a institución provincial inviste na actuación 9.600 euros co obxectivo de preservar o valor etnográfico, turístico, medioambiental e sostible das explotacións gandeiras tradicionais, ao tempo que impulsar o cumprimento da normativa vixente relativa á identificación dos équidos.

A Deputación impulsa unha liña pioneira para desenvolvemento de proxectos medioambientais nos colexios

A Deputación de Pontevedra pon en marcha un proxecto pioneiro para fomentar os estudos das disciplinas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a rapazada da provincia, especialmente destinado ás nenas, a través dunha nova liña de axudas para centros escolares que poñan en marcha proxectos medioambientais mediante as disciplinas STEM. “Sacamos adiante un novo proxecto educativo para garantir unha provincia de futuro", sinalou a presidenta Carmela Silva.

Areeiro advirte do "elevado risco" de aparición do mildeu

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu aviso fitosanitario semanal que á primeira mancha de mildeu detectada nunha parcela do Rosal o pasado martes, hai que sumarlle xa dúas máis en sendas parcelas do Salnés. Os técnicos da EFA indican que, aínda que no resto de fincas non se detectaron de momento síntomas desta enfermidade, espérase que aparezan nos próximos días.

Arranca a cuarta edición de DepoRúArte, a aposta da Deputación pola arte urbana

A iniciativa, anual e programada, da Deputación de Pontevedra dirixida á mocidade da provincia 'DepoRúArte' chega á súa cuarta edición centrada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Deste xeito, no CPI Toural de Vilaboa, IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, IES Chapela en Redondela, IES Monte da Vila no Grove e IES Indalecio Pérez Tizón en Tui, vanse desenvolver sesións teóricas e prácticas nas que se propón á mocidade unha actividade artística e lúdica para potenciar movementos de participación e cooperación social ao redor dos ODS.

Deputación e CSIC fortalecen relacións para a realización de actividades comúns

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial ao novo delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron, e á directora da Misión Biolóxica de Galicia, Elena Cartea, “un día moi especial, dixo a presidenta provincial, porque poñemos en valor campos do coñecemento tan relevantes como a ciencia e a investigación”.

José Manuel Rey García, novo director do Museo de Pontevedra

“O Museo ten sorte, a Deputación ten sorte, e todos temos sorte porque resultou elixida unha persoa que coñece este Museo, ten experiencia e está no seu mellor momento profesional” aseguraba este sábado o vicepresidente da Deputación na presentación pública de José Manuel Rey García como novo director do Museo de Pontevedra. César Mosquera aproveitou para lembrar que cando se convocou a praza “xa anunciabamos que iamos a por todas, que buscabamos un perfil elevadísimo, con experiencia e capacidade, e con José Manuel Rey xuntámolo todo”.

Suscribirse a este canal RSS