A Deputación destinará 1.200.000 euros para mellorar os montes da provincia

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou que a liña de axudas para mellorar os montes da provincia alcanzará 1.200.000 euros. O proxecto, que pretende frear os lumes ou minimizar o seu dano, valorará as propostas que poñan en valor a paisaxe e creen explotacións complementarias á madeireira, xa sexan micolóxicas, gandeiras ou doutro tipo.

A Deputación contará un orzamento de 152,4 millóns orientado aos concellos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron hoxe os orzamentos da institución provincial que ascenden ate 152,4 millóns de euros o que representa un 0,3 por cento máis que o ano 2016. O orzamento consolidado, sumando a Fundación da Escola Universitaria de Enfermaría, o Consorcio Provincial Contra Incendios e o Consorcio contra incendios Deza-Tabeirós acada a cifra de 155,4 millóns de €.

A Deputación investirá catro millóns de euros no 'Plan Móvese' de seguranza viaria

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe que o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Seguras) alcanzará un investimento de case catro millóns de euros para mellorar a seguranza viaria da rede de estradas provinciais. Este plan será presentado o vindeiro martes 22 de novembro no marco dunhas xornadas sobre ‘Seguranza viaria nas estradas. Métodos de redución de velocidade’ que organiza a Deputación á que están convidados alcaldes, concelleiros, técnicos e policías locais, ademais de entidades como colectivos ciclistas ou ANPAS, todos eles vencellados coa mobilidade.

Preto de 100.000 veciños da provincia beneficiaránse da compostaxe grazas ao Plan Revitaliza

Ata 100.000 veciñas e veciños da provincia beneficiaranse da compostaxe grazas ás novas subvencións do Plan Revitaliza. O vicepresidente César Mosquera así o asegurou hoxe na reunión que mantivo con alcaldes, concelleiros e técnicos para explicar as liñas de axuda da segunda fase do programa provincial que, para este ano, ascenden a 1.250.000 euros e permitirán aos concellos mercar composteiros individuais e comunitarios. Segundo indicou, “o obxectivo é que a mediados de 2017 boa parte da provincia aplique a compostaxe como sistema de xestión do lixo”.

20.000 euros da Deputación ás Neves como axuda de emerxencia no subministro de auga

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, reuníronse onte con carácter de urxencia, por mor das restricións no subministro de auga da traída municipal nesta vila despois dos incendios que sufriu o pasado verán. A presidenta da institución provincial e o rexedor nevense asinaron a concesión dunha axuda por parte da Deputación de 20.000 euros en base ás necesidades de emerxencia da vila para subsanar esta situación.

  • Publicado en As Neves

Os concellos do Condado-Paradanta poderán optar pola compostaxe no tratamento de residuos

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, reuniuse hoxe cos alcaldes da comarca do Condado-Paradanta para ofrecerlles a posibilidade de implantar a compostaxe como sistema de tratamento de residuos e retirar das rúas os colectores verdes a primeiros do ano 2017. O nacionalista puxo a disposición dos rexedores o soporte técnico e económico da institución provincial para aplicar o novo sistema de xestión de lixo e, así, baixar substancialmente os custos da recollida para as arcas municipais, xa que a día de hoxe é un servizo moi deficitario.

Suscribirse a este canal RSS