Concerto de Heredeiros da Crus en Baiona o 20 de abril

O vindeiro 20 de abril no parque da Palma, terá lugar o concerto do mítico grupo de rock galego 'Heredeiros da Crus', organizado polo Concello de Baiona coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do programa Musigal 2019. A mítica banda de Castiñeira (Ribeira-A Coruña) publicaron o seu primeiro disco 'A Cuadrilla de Pepa a Loba', un álbum que marcou un antes e un despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como 'Quero josar' o 'O fillo de José'.

As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90, famentos de música e cultura coa que identificarse.

O concerto está previsto para as 23:00h, e como antesala, ás 22:00h actuarán como teloneiros, os grupos A Polémica Banda dos Bechuchos e Xente Tóxica.

 A Polémica Banda dos Bechuchos nace en 2005 da man duns músicos que, dunha ou doutra maneira, acaban tocando na banda Lira de San Miguel de Oia. A ecléctica formación musical dos seus compoñentes dá como resultado unha banda versátil, na que se funden o rock e a música popular galega. Presenta un repertorio formado por versións de grandes clásicos de diferentes lugares e épocas, xunto con melodías populares da Terra, axilmente mesturado todo na procura dun ambiente de festa e diversión.

Xente Tóxica. A nova banda de punk rock do Val Miñor está desexando subir o escenario para mostrarlle a súa xente parte do repertorio no que está a traballar dende hai uns meses. Carlos (Guitarra), Nacho (Batería), Toje (Guitarra e voz), e Gonzalo (substituído para este evento por Tortu) ó baixo, prometen deixar todo o que teñen para satisfacción dos asistentes a esta gran festa da música galega, no mesmo parque da Palma que os víu medrar.