Nigrán inviste 60.500 € na pavimentación de catro camiños en Chandebrito

O Concello de Nigrán ven de rematar o asfaltados de catro camiños da parroquia de Chandebrito (Chandebrito, Monte Alba, Pereiras e Rozadas) cun investimento de 60.526 € co fin de mellorar a seguridade viaria no rural. Trátase de catro actuacións moi demandadas dende a Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito e a Comunidade de Montes ao estar dous deles con pavimento asfáltico moi deteriorado (Chandebrito e Monte Alba) e outros dous ser de xabre (Pereiras e Rozadas).

asfaltado chandebrito 2019 03

Concretamente, no Camiño de Chandebrito (estrada xeral que une a parroquia con Vigo) reasfaltouse o trazado dunha curva que se atopaba en moi malas condicións e, para evitar que volva a deteriorarse con respecto ao resto da calzada, executouse un drenaxe que permite que vertan as augas pluviais procedentes da cuneta exterior. No Camiño do Monte Alba reasfaltáronse 650 metros e ao mesmo tempo asfaltouse o Camiño das Pereiras e o tramo final das Rozadas (os dous eran de xabre, o primeiro deles permite un novo acceso ao núcleo da Igrexa dende o Camiño de Chandebrito e o segundo unirá As Rozadas coa parroquia de Camos e será o punto de acceso ao futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas)